A biblioteca converteuse estes días nun pequeno laboratorio científico grazas á interesante charla sobre minerais impartida por profesorado da Facultade de Minas da Universidade de Vigo.
Durante a actividade, o alumnado tivo a oportunidade de poñer en práctica as súas habilidades de investigación para descubrir de que minerais se trataba… ¡sen coñecelos previamente! A través de diferentes probas, como a observación da raia, a comprobación da dureza, a reacción ante imáns ou o seu comportamento fronte a ácidos, foron achegándose pouco a pouco á identificación correcta. A partir dos coñecementos adquiridos e facendo deduccións en base a preguntas concretas, aplicando a metodoloxía científica, lograron atopar os 3 misteriosos minerais e diferencialos doutros 3 minerais que xogaban ao despiste nesta experiencia científica.
Foi unha sesión eminentemente práctica, dinámica e moi participativa, na que o alumnado aprendeu facendo, experimentando e sacando as súas propias conclusións. Sen dúbida, unha maneira diferente, divertida e moi enriquecedora de aplicar os coñecementos adquiridos na aula.
Desde a biblioteca seguimos apostando por actividades que esperten a curiosidade científica e fomenten a aprendizaxe activa.
.jpeg)


No hay comentarios:
Publicar un comentario