lunes, 14 de septiembre de 2026

CAMALEO AXÚDANOS A MANTER A BIBLIOTECA EN ORDE!


Este curso a nosa biblioteca conta con novos e pequenos axudantes que nos van facilitar moito a tarefa de manter os libros no seu lugar.

Cando visitamos a biblioteca e atopamos ese libro que nos chama a atención, esa historia que queremos descubrir ou esa nova aventura que estamos desexando comezar, podemos collelo e levalo connosco. Pero… ¿lembramos sempre exactamente de onde o collemos? 

Para axudarnos nesa tarefa, temos preparados uns marcapáxinas moi especiais, con Camaleo como protagonista. 

O seu funcionamento é moi sinxelo: cando collamos un libro da estantería, colocaremos o noso marcapáxinas no lugar exacto onde estaba o libro. Deste xeito, cando rematemos a lectura, Camaleo indicaranos onde debemos devolvelo.

Un pequeno xesto que nos axuda a todos

Con esta iniciativa queremos que o alumnado sexa cada vez máis autónomo e responsable no uso da biblioteca.

Porque coller un libro tamén significa coidalo, saber onde estaba e axudar a que volva ao seu lugar.

Os marcapáxinas de Camaleo convértense así nunha pequena ferramenta que nos permite:

🔎 Lembrar de onde collemos cada libro.
📚 Devolver os libros ao seu lugar correspondente.
🦎 Axudar a Camaleo a manter a biblioteca ordenada.
🤝 Coidar entre todos un espazo que é de todos.
🌟 Ser lectores cada vez máis autónomos e responsables.

E, sobre todo, queremos que o alumnado entenda que manter a biblioteca en orde é unha responsabilidade compartida. Cada libro que colocamos correctamente facilita que o seguinte lector poida atopalo e comezar a súa propia aventura.

Así que, a partir de agora, cando veñades á biblioteca e atopedes unha historia que queirades levar con vós…

Non esquezades deixar a Camaleo no seu lugar!

Porque mentres nós buscamos a nosa seguinte aventura, Camaleo queda na estantería para axudarnos a atopala de novo cando chegue o momento de devolver o libro.

 Entre todos facemos da nosa biblioteca un lugar máis ordenado, máis coidado e cheo de novas historias por descubrir.

jueves, 10 de septiembre de 2026

NOVIDADES NA NOSA BIBLIOTECA: SEGUIMOS MEDRANDO¡


Comezamos este novo curso con moita ilusión e con algunhas novidades que pouco a pouco van transformando a nosa biblioteca nun espazo aínda máis acolledor, práctico e especial para toda a comunidade educativa.

Unha destas novidades naceu grazas ao traballo e á creatividade da profesora Gladis xunto co alumnado de 4º da ESO na materia de dixitalización. A partir do deseño realizado conxuntamente, e aproveitando os recursos da dotación de Polos Creativos, puxemos en marcha a nosa cortadora láser para facer realidade unha idea que levabamos tempo imaxinando.

E xa podemos dicir que a nosa biblioteca ten novos protagonistas! 

Contamos agora con separadores por letras que nos axudan a organizar e localizar os libros de maneira máis visual e sinxela, nos que o noso querido Camaleo é o protagonista.. Ademais, creamos tamén os separadores das diferentes categorías da CDU.

Deste xeito, a nosa mascota acompáñanos tamén na organización dos fondos da biblioteca e axúdanos a descubrir que detrás de cada número, cada letra e cada estante hai un novo mundo por explorar.

O equipo de biblioteca segue traballando para mellorar, transformar e facer medrar a nosa biblioteca, sempre coa intención de que sexa un lugar para ler, aprender, investigar, crear, compartir e, sobre todo, gozar.

Porque a nosa biblioteca está viva… e Camaleo xa está preparado para acompañarnos nesta nova aventura! 

BENVIDA AO CURSO 2026-2027


 

lunes, 15 de junio de 2026

DEIXANDO PEGADA NA NOSA BIBLIOTECA, 4º ESO. (Durante o mes de xuño)

A Biblioteca do noso centro é moito máis ca un espazo de lectura: é un lugar de encontro, aprendizaxe, creatividade e experiencias compartidas. Por iso, este curso queremos poñer en marcha un proxecto moi especial co alumnado de 4º da ESO para que poidan deixar a súa propia pegada nun lugar tan importante da vida escolar.

Ao longo das próximas semanas, os rapaces e rapazas converteranse nos encargados de deseñar os novos separadores da nosa Biblioteca. A partir dunhas nocións básicas sobre o funcionamento da cortadora láser e do programa de deseño Inkscape, o alumnado terá a oportunidade de crear pezas únicas en madeira que pasarán a formar parte dun espazo compartido por toda a comunidade educativa.



Cada separador incluirá a letra correspondente á sección da Biblioteca e tamén a nosa mascota, Camaleo, un símbolo que xa forma parte da identidade do centro e que acompañará este proxecto tan especial.


Esta iniciativa non busca unicamente achegar o alumnado ao deseño dixital e ás ferramentas de fabricación creativa. Pretende tamén algo moito máis importante: facerlles sentir que forman parte activa do centro, que as súas ideas contan e que poden contribuír a construír os espazos que habitan cada día.

Deixar pegada é moito máis ca escribir un nome ou participar nunha actividade. Significa crear algo que permaneza, que sexa útil para os demais e que, co paso do tempo, lles recorde que formaron parte dunha etapa importante das súas vidas. Cando dentro duns anos volvan mirar cara atrás, poderán lembrar que unha pequena parte deles quedou aquí, entre libros, historias e aprendizaxes compartidas.

Porque educar tamén consiste en ofrecer oportunidades para crear, colaborar e sentir que pertencemos a algo maior. E estamos seguros de que estes separadores non só axudarán a organizar a nosa Biblioteca: tamén contarán a historia dun alumnado que decidiu deixar a súa marca para as xeracións que virán.




viernes, 12 de junio de 2026

CHARLA DE EDUCACIÓN AFECTIVO-SEXUAL PARA O ALUMNADO DE 3º ESO (12/6/26)

O alumnado de 3.º da ESO participou recentemente nun interesante obradoiro de educación afectivo-sexual impartido por persoal de Cruz Vermella, unha actividade orientada a promover información rigorosa, hábitos saudables e relacións baseadas no respecto e na responsabilidade.

Durante a sesión, repasáronse aspectos básicos relacionados coa anatomía e o funcionamento do corpo humano, así como os diferentes métodos anticonceptivos existentes. O alumnado puido coñecer as características de cada un deles, a súa correcta utilización e a importancia de recorrer sempre a fontes fiables e ao asesoramento de profesionais sanitarios ante calquera dúbida.

Ademais, abordáronse cuestións fundamentais como a comunicación nas relacións afectivas, a necesidade de non dar nada por suposto e a relevancia do consentimento como base de calquera relación saudable. A través de exemplos prácticos e dinámicas participativas, reflexionouse sobre o respecto mutuo, a toma de decisións responsables e a importancia de expresar e escoitar os propios límites.

Esta actividade contribuíu a fomentar a educación para a saúde e o desenvolvemento persoal do alumnado, ofrecéndolle ferramentas para afrontar esta etapa da súa vida con coñecemento, espírito crítico e responsabilidade.

Queremos agradecer a Cruz Vermella a súa colaboración e a realización deste obradoiro, que resultou moi enriquecedor e de gran interese para os nosos alumnos e alumnas.



martes, 2 de junio de 2026

CONTACONTOS EN INGLÉS PARA EDUCACIÓN IFANTIL "Five Little Ducks"

A biblioteca do centro converteuse nun espazo cheo de música, aprendizaxe e diversión grazas á visita da nai de Xoel, alumno de 3 anos, que nos agasallou cun fermoso contacontos en inglés dirixido ao alumnado de Educación Infantil.

O conto escollido foi Five Little Ducks, unha entrañable historia que, a través da repetición, o ritmo e a canción, permitiu que os máis pequenos se achegasen á lingua inglesa dunha maneira lúdica e participativa. Ao longo da actividade, o alumnado seguiu con entusiasmo as aventuras dos parruliños, cantando, facendo xestos e interactuando coa narradora.



Esta experiencia resultou moi enriquecedora, xa que fomentou o gusto polos contos, a escoita activa e o contacto coa lingua inglesa desde idades temperás. Ademais, puxo en valor a colaboración das familias na vida do centro, contribuíndo a crear unha comunidade educativa máis participativa e próxima.

Queremos agradecer á nai de Xoel a súa implicación, entusiasmo e xenerosidade por compartir este momento tan especial co noso alumnado. Sen dúbida, foi unha actividade que deixou unha gran pegada entre os pequenos e pequenas.



Thank you very much for your visit!




martes, 26 de mayo de 2026

CHARLA SOBRE DOAZÓN DE ÓRGANOS PARA O ALUMNADO DE 3º ESO (26/5/26)


A biblioteca do centro acolleu unha interesante charla dirixida ao alumnado de 3.º da ESO sobre a doazón e o transplante de órganos, unha actividade que permitiu achegar ao alumnado a unha realidade de grande importancia social e sanitaria.

Durante a sesión, os participantes puideron coñecer aspectos fundamentais relacionados coa doazón: quen pode ser doante, como se xestionan os transplantes, cales son os procesos de coordinación entre os equipos médicos e canto tempo pode transcorrer ata que unha persoa recibe o órgano que necesita.

A charla resultou especialmente enriquecedora grazas á participación dunha persoa transplantada, que compartiu a súa experiencia en primeira persoa. O seu testemuño permitiu ao alumnado comprender o impacto que ten a doazón na vida de quen agarda unha segunda oportunidade. Así mesmo, un dos coordinadores do equipo médico explicou o complexo traballo que hai detrás de cada transplante e respondeu ás preguntas formuladas polo alumnado.



Esta actividade non só achegou coñecementos científicos e sanitarios, senón que tamén fomentou valores como a solidariedade, a empatía e o compromiso coa sociedade, contribuíndo á formación integral do noso alumnado.

Agradecemos aos relatorios a súa dispoñibilidade e proximidade, así como a oportunidade de achegarnos a unha realidade que salva vidas cada día.