jueves, 23 de abril de 2026

CONMEMORACIÓN DO DÍA DO LIBRO (23/4/26)

A nosa biblioteca encheuse de vida, creatividade e emoción para celebrar o Día do Libro cunha semana chea de actividades pensadas para todo o alumnado do centro. Unha conmemoración que, un ano máis, puxo en valor a lectura como ferramenta fundamental para aprender, imaxinar e medrar.

O alumnado de Educación Infantil recibiu unhas visitas moi especiais: as súas familias achegáronse ao centro para compartir contos únicos e cheos de significado. Esta actividade non só fomentou o gusto pola lectura desde idades temperás, senón que tamén reforzou o vínculo entre a escola e as familias, creando momentos inesquecibles arredor dos libros.

Pola súa banda, o alumnado de Educación Primaria converteuse en protagonista ao preparar pequenas obras de teatro que representaron na biblioteca para outros cursos, incluíndo tamén Infantil. Esta iniciativa favoreceu a expresión oral, a creatividade e o traballo en equipo, ademais de achegar a literatura dun xeito lúdico e participativo. Nesta mesma liña, o alumnado de 4º da ESO sorprendeu con contos moi especiais que tamén escenificaron, demostrando o seu talento e servindo de exemplo e inspiración para os máis pequenos.

A semana contou tamén cun contacontos moi especial a cargo da editorial Anaya Trécola Teatro nos presentou o día 20 de abril  “a pequena osa quere xogar”, que achegou novas historias e formas de narrar, estimulando a imaxinación e o interese polos libros. Ademais, a biblioteca recibiu unha caixa moi esperada chea de novidades literarias, que se abriu nesta ocasión tan sinalada, espertando a curiosidade e o entusiasmo de toda a comunidade educativa.

Outra das actividades máis destacadas foi o mercadiño de libros, no que cada alumno achegou un exemplar para intercambiar empregando a nosa moeda especial: “as tinas”. Esta proposta fomentou valores como a reutilización, o consumo responsable e o respecto polos libros, dándolles unha segunda vida e promovendo unha economía circular dentro do centro.

Como en edicións anteriores, tamén colaboramos coa ONG Save the Children a través do seu proxecto de marcapáxinas solidarios. Grazas a esta iniciativa, o alumnado non só levou un recordo útil e creativo, senón que tamén contribuíu a unha causa social, desenvolvendo valores de solidariedade e compromiso.


Ademais, puxemos en marcha o apadriñamento lector, no que o alumnado de cursos superiores de Primaria acompañará aos máis pequenos no seu camiño lector. Esta actividade reforza a motivación, crea referentes positivos e fomenta vínculos afectivos arredor da lectura.


O profesorado tamén participou activamente co tradicional intercambio de libros de “amigo invisible”, destacando a importancia da lectura como vía de desconexión, aprendizaxe e goce persoal, dando exemplo ao alumnado.

Un dos momentos máis especiais foi a entrega de premios, tanto do concurso de deletreo de primaria coma do XV Concurso de Microrrelato e Poesía do Colexio Santa Cristina, recoñecendo o talento, a creatividade e o esforzo do noso alumnado no ámbito literario.

Para pechar a semana, cada alumno levou para a casa un agasallo moi especial: unha rosa elaborada por eles mesmos a partir de páxinas de libros en desuso. Un fermoso símbolo que une creatividade, reciclaxe e amor pola lectura, demostrando que os libros sempre poden seguir contando historias, incluso doutro xeito.

Para todas aquelas persoas que queiran afondar un pouco máis en cada unha destas actividades, todo subirase   ás nosas redes sociais —Instagram e Facebook— así como ao blog do centro, onde se recollen con máis detalle as distintas iniciativas levadas a cabo por cada curso, xunto coas súas achegas, impresións e experiencias. Deste xeito, toda a comunidade educativa poderá revivir e coñecer de primeira man esta semana tan especial.

blog: https://santacristinavigo.blogspot.com/

instagram: https://www.instagram.com/cpr.santacristinavigo/

facebook: https://www.facebook.com/santacristinavigo/?locale=es_ES

Sen dúbida, unha semana inesquecible na que a lectura foi a gran protagonista, consolidando a biblioteca como un espazo vivo, dinámico e fundamental na vida do noso centro.


No hay comentarios:

Publicar un comentario