Con motivo da conmemoración do Día de Rosalía de Castro, no noso centro leváronse a cabo ao longo da xornada numerosas actividades para achegar ao alumnado á figura e á obra dunha das autoras máis representativas da literatura galega.
Desde a biblioteca escolar tamén quixemos sumarnos a esta celebración cunha serie de propostas que permitiron traballar a súa obra dun xeito creativo, participativo e adaptado ás diferentes idades.
O alumnado de 1º da ESO participou nun obradoiro de elaboración de marcapáxinas, mentres se afondaba no coñecemento da obra de Rosalía. A través desta actividade, os rapaces e rapazas puideron achegarse aos seus textos e reflexionar sobre as emocións, a lingua e os temas que aparecen na súa poesía.
Outro dos momentos máis especiais da xornada foi o recital de poemas, no que o alumnado de Educación Secundaria colaborou co alumnado de Primaria e Infantil para dar voz aos versos de Rosalía entre todos. Esta actividade permitiu crear un fermoso espazo de encontro entre etapas educativas, no que os máis maiores acompañaron e guiaron aos máis pequenos na lectura e interpretación dos poemas.
Ademais, o alumnado de 5º de Educación Primaria realizou na biblioteca a gravación dun podcast sobre a vida de Rosalía de Castro, no que investigaron sobre a súa biografía e compartiron datos e curiosidades sobre a autora. Esta actividade permitiulles traballar a expresión oral, a investigación e o uso de ferramentas dixitais, ao tempo que coñecían mellor a figura da escritora.
https://go.ivoox.com/rf/168892611
A experiencia resultou moi enriquecedora, non só polo valor literario da obra traballada, senón tamén polo ambiente de colaboración e convivencia que se xerou entre o alumnado.
Desde a biblioteca escolar seguimos apostando por actividades que fomenten o gusto pola lectura e que axuden a coñecer e valorar o noso patrimonio cultural e literario.

No hay comentarios:
Publicar un comentario