martes, 10 de marzo de 2026

EXPOSICIÓN DE FOTOGRAFÍAS METEOROLÓXICAS DO II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DE METEOCRISTINA: A NOSA BIBLIOTECA CONVÉRTESE NUNHA GALERÍA.(10/3/26)

Un ano máis, o noso centro celebra o 2º Concurso de Fotografía de Temática Meteorolóxica, e este ano a cousa veu seria. O concurso estivo aberto a todo o alumnado do centro e a resposta foi espectacular: unha participación masiva e unhas fotografías tan interesantes e coidadas que os xuíces tiveron un traballo moi, moi complicado. Iso é exactamente o que nos gusta ver.

Nubes, chuvia, raios de sol, néboa, tormentas... o noso alumnado saíu á rúa coa cámara ou o móbil e soubo capturar a beleza e a forza dos fenómenos meteorolóxicos coma auténticos fotógrafos profesionais. O resultado é unha colección de imaxes que ben merece ser admirada.

E para iso está a nosa biblioteca. Porque ademais de ser un espazo de lectura, aprendizaxe e encontro, converteuse esta vez en galería de exposición, para que todas as fotografías presentadas poidan ser vistas e gozadas por toda a comunidade educativa. Achégate, pasea entre as imaxes e déixate sorprender polo talento do noso alumnado.

A entrega de premios terá lugar o 23 de marzo, data na que se conmemora o Día Meteorolóxico Mundial, a xornada perfecta para recoñecer o traballo e o esforzo de todos os participantes.

Parabéns a todos os que se animaron a participar. Xa gañastes polo simple feito de mirar o ceo con outros ollos!




No hay comentarios:

Publicar un comentario