domingo, 8 de marzo de 2026

CONMEMORACIÓN DO 8M : APRENDER XOGANDO (8/3/26)

Con motivo da conmemoración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, no noso centro realizáronse diversas actividades en todas as nosas aulas co obxectivo de reflexionar sobre a igualdade, o papel das mulleres na sociedade e a importancia de seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta. Este ano, o lema de Nacións unidas é "Os seus dereitos, o noso futuro, agora". 

Máis alá das manualidades e os lazos violetas, o 8 de marzo convídanos a botas a vista atrás e valorar o camiño persorrido. Recordamos ás pioneiras que loitaron polo voto, polo acceso á educación e por condicións laborais dignas. No noso centro, entendemos que a educación é a feramente máis potente para que as nenas e os nenos de hoxe sexan os cidadáns que traballen en prol da igualdade no futuro".

"Este ano quixemos poñer o foco un ano máis, non só nas grandes figuras históricas, que tamén, cun montón de actividades feitas nas aulas e na biblioteca do centro, das que vos deixamos unha mostra nestas fotos; senon tamén das mulleres que temos preto: as nosas nais, avoas, amigas, irmás, veciñas, mestras... Elas son o motor da nosa comunidade. A través da elaboración de marca páxinas feitos de cartolina, as nenas e os nenos descubriros historias de esforzo silencioso que moitas veces pasan desapercibidas, dándolles o recoñecemento que merecen." O alumnado de 3º de Educación Primaria realizou un mural para falar das mulleres importantes das nosas vidas, que quedará exposto durante todo o mes de marzo na bibioteca.


Na materia de Música en secundaria, desenvolveuse unha actividade para visibilizar o papel fundamental das mulleres na historia da música. O alumnado investigou e escoitou obras de compositoras e intérpretes de diferentes épocas e estilos, reflexionando sobre as dificultades que tiveron que superar e a súa contribución artística. A través desta proposta, preténdese fomentar a igualdade, o espírito crítico e o recoñecemento do talento feminino no ámbito musical.

Dende a biblioteca escolar tamén quixemos sumarnos a esta data tan significativa cun enfoque diferente. Por iso, durante o recreo do propio día 8M organizamos diversas actividades de gamificación, pensadas para que o alumnado puidese participar dun xeito dinámico, colaborativo e motivador, tanto para educación primaria coma educación secundaria.

A través de pequenos retos, probas e xogos relacionados coa historia, os logros e as achegas de mulleres relevantes en distintos ámbitos, o alumnado tivo a oportunidade de aprender, investigar e compartir coñecementos mentres participaba nunha actividade lúdica dentro do espazo da biblioteca.

Ademais, desde o equipo de biblioteca propúxose realizar unha actividade conxunta na que participase todo o centro: a creación dun maniquí cun vestido elaborado a partir das imaxes de mulleres que nos marcaron ou que consideramos referentes importantes. Cada grupo achegou fotografías e nomes de mulleres significativas —da historia, da ciencia, da cultura, do deporte ou mesmo do seu entorno máis próximo— que, xuntas, conformaron este vestido simbólico cheo de memoria, recoñecemento e inspiración.

Por outra banda, o traballo arredor do 8M tamén chegou ao formato sonoro. Realizáronse dous podcasts: un desde o punto de vista do alumnado de Secundaria, concretamente da clase de 2º da ESO, e outro desde o enfoque de Educación Infantil, adaptado á súa idade e á súa maneira de comprender a importancia desta data.


INFANTIL : https://go.ivoox.com/rf/171653236

SECUNDARIA: https://go.ivoox.com/rf/171670783

Conmemorar datas como o Día Internacional da Muller desde a biblioteca escolar é fundamental, xa que este espazo constitúe un lugar privilexiado para promover valores de igualdade, pensamento crítico e coñecemento da realidade social. Ademais, a lectura, a investigación e o acceso á información permítennos visibilizar o papel das mulleres ao longo da historia e fomentar referentes diversos para o noso alumnado.

Rematamos esta xornada cunha mensaxe de esperanza. Ver ao noso alumnado reflexionar, respectarse e traballar man a man cada día, fannos confiar en que un futuro de plena igualdade é posible. Seguimos medrando, seguimos aprendendo e, sobre todo, seguimos camiñando xuntos e xuntas.





No hay comentarios:

Publicar un comentario