miércoles, 25 de marzo de 2026

A BIBLIOTECA, CUARTEL XERAL DO ECOPREGUNTOIRO (25/3/26)

A nosa biblioteca ten moitas vidas, e esta é unha das que máis nos gusta. O alumnado de 6º de Educación Primaria que participa no Ecopreguntoiro escolleu as nosas estanterías como testemuñas dos seus adestramentos, e a verdade é que cada sesión é un espectáculo.

O Ecopreguntoiro é un concurso de coñecementos medioambientais en formato radiofónico, impulsado por Sogama (Sociedade Galega do Medio Ambiente) e Radio Voz, no que compiten centros educativos de toda Galicia. As preguntas xiran arredor do coñecemento do medio, a xestión de residuos e a sostibilidade, e o formato é de eliminación directa, emitíndose os venres pola tarde. O obxectivo é fomentar o respecto polo medio ambiente e o coñecemento sobre o reciclaxe entre o alumnado de 6º de Primaria.

Aquí na biblioteca non só se le e se estuda. Repásanse contidos, ponse a proba o que un sabe... e o que non sabe tamén. Os simulacros de preguntas encheron a biblioteca dunha enerxía especial: mans levantadas, respostas a media voz, risas nerviosas e moita, moita concentración.

Pero tamén hai momentos para poñerse diante dos micros.  Porque saber a resposta é unha cousa, e dicila en voz alta, clara e sen que se note o corazón a cen por hora, é outra ben distinta. Sesión a sesión, o noso alumnado vai gañándolle terreo á vergoña, soltándose, collendo confianza e descubrindo que a súa voz merece escoitarse.

A biblioteca está moi orgullosa de ser o seu cuartel xeral. E nós, de velos crecer cada día un pouquiño máis.


No hay comentarios:

Publicar un comentario