No marco do taller de habilidades sociais, en concreto na xornada de hoxe traballamos co alumnado de sexto de primaria, realizamos unha actividade na biblioteca do centro centrada no traballo do vocabulario relacionado co autocoñecemento, a autoestima e a mellora persoal. A biblioteca converteuse así nun espazo de reflexión, diálogo e aprendizaxe compartida, favorecendo un clima tranquilo e propicio para a expresión persoal.
A partir dun exercicio inicial de vocabulario, o alumnado identificou e puxo en común calidades persoais como ser empático, simpático, amable, gracioso, intelixente, rápido, activo ou responsable, así como aspectos positivos relacionados co esforzo persoal, a imaxe propia ou habilidades como ter boa letra. Este traballo permitiu ampliar o léxico emocional e social, ao tempo que axudou a que cada neno e nena recoñecese as súas propias fortalezas e as dos demais.
Ademais, o alumnado reflexionou sobre aspectos que pode mellorar, expresándoos de maneira respectuosa e construtiva, por exemplo en ámbitos como o deporte, o comportamento ou determinadas actitudes cotiás. Deste xeito, fomentouse a capacidade de autoavaliación, a aceptación dos erros como parte da aprendizaxe e a importancia do esforzo para o crecemento persoal.
Esta actividade contribúe a enriquecer ao noso alumnado non só a nivel lingüístico, senón tamén emocional e social, promovendo valores como o respecto, a empatía, a autoestima e a convivencia positiva. Ao realizarse na biblioteca, reforzouse ademais o seu papel como espazo educativo clave para o desenvolvemento integral do alumnado.

No hay comentarios:
Publicar un comentario