lunes, 26 de enero de 2026

VOLUNTARIOS LINGUISTICOS NO CPR. SANTA CRISTINA DE VIGO (actividade anual)

No noso centro desenvolvemos unha actividade de voluntariado lingüístico que fomenta o gusto pola lectura, a cooperación entre etapas educativas e o compromiso do alumnado coa comunidade escolar. A través desta iniciativa, o alumnado de Educación Secundaria traballa con contos e libros da biblioteca do centro, que adapta e prepara para poder lérllos posteriormente aos nenos e nenas de Educación Infantil.

O proceso inclúe a selección das lecturas, a adaptación da linguaxe e da estrutura dos textos ás idades máis temperás, así como a preparación da lectura en voz alta. Deste xeito, o alumnado voluntario desenvolve competencias lingüísticas, creativas e comunicativas, ao tempo que reforza a súa responsabilidade e empatía cara aos máis pequenos.

Trátase dunha actividade anual, na que o alumnado participante vai acumulando puntos en función da súa implicación e constancia. Ao acadar a súa meta, reciben unha recompensa simbólica e motivadora: unha consumición na cantina xestionada polo alumnado de 4º da ESO, o que reforza tamén o sentimento de pertenza e colaboración dentro do centro.

A actividade está aberta á participación de todo o alumnado, aínda que ata o momento a maioría das persoas participantes pertencen a 1º da ESO, mostrando un elevado nivel de interese e compromiso desde os primeiros cursos da etapa. En conxunto, trátase dunha proposta moi motivadora e enriquecedora, que promove a lectura compartida, o uso responsable da lingua e o aprendizaxe entre iguais, convertendo a biblioteca nun espazo de encontro, aprendizaxe e solidariedade.


No hay comentarios:

Publicar un comentario